NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




13 may 2016

Pílula informativa: sector agrícola e gandeiro


O sector agrario ten un peso relativo moi superior á media galega, tanto en valor engadido como en porcentaxe de emprego.

Está dominado polas explotacións gandeiras de produción de leite e os cultivos de forraxes (máis do 96% da superficie cultivada).

A tendencia é a reducir o número de explotacións e a incrementar a superficie e tamaño das que sobreviven. Aínda así a maior parte teñen menos de 10 hectáreas.

Existe transformación e diferenciación do leite, con gran tradición queixeira da zona. A maior parte da D.O.P. Arzúa Ulloa prodúcese no noso territorio. Ademais moitas casas fabrican o seu propio queixo, algunhas con etiquetado. Constátase unha tendencia cara a desaparición destes elaboradores queixeiros.

O queixo da carácter e identidade ó territorio e diferéncianos, non obstante non hai interrelación entre o queixo e o sector turístico e ten escasa capacidade de arrastre no territorio con respecto a outros sectores e actividades: comercio, educación, investigación…

Existen infraestruturas que se dedicaban á produción queixeira actualmente abandonadas (planta de fabricación de queixo tipo parmesano e Arzúa-Ulloa na cooperativa La Arzuana). Existen rumores de que estas instalacións poderían ser vendidas á capital de fóra o que por unha parte solucionaría o problema do abandono, pero por outra habería unha fuga dos beneficios.

Aínda así, unha gran parte do leite véndese sen transformar e sen diferenciar. Non so no territorio, tamén en Galicia. A volatilidade dos prezos e os centros de toma de decisións lonxe da produción supoñen unha ameaza para o sector. Esta ameaza vese un pouco freada no noso territorio grazas á existencia de fortes cooperativas, que engloban a maior parte dos gandeiros, e que participan no capital de empresas transformadoras galegas (Clesa).

A situación xeográfica do UTM posibilita acceder ós mercados urbanos galegos, sobre todo A Coruña e Santiago.

O clima suave, sobre todo ó carón do Ulla e a abundancia de auga supoñen unha oportunidade para a produción hortícola. Ademais o centro de distribución de Melisanto conta cunhas instalacións óptimas e persoal cualificado específico. Non obstante a produción é escasa.

O consumo de produtos ecolóxicos medra de forma constante, non obstante, aínda non está xeneralizado nos comercios (moitos non teñen lineal de ecolóxico). En Galicia falta industria transformadora e empresas de distribución. No UTM, a escola de agricultura ecolóxica de Vilasantar dota ó territorio dunhas instalacións que poden dar servizo ós produtores e formación ás persoas interesadas.

A Política Agraria Común está mudando, por unha parte ten o coidado do medio ambiente como un dos principais obxectivos o que de seguro potenciará este sector, pero por outra as novas subvencións eliminan as cotas de produción e oriéntanse máis cara o aumento da superficie produtiva.

Por outra parte, existe o risco de que os acordos con terceiros países (principalmente EEUU) limiten a posibilidade de diferenciar os produtos pola súa procedencia, por exemplo, as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas.


FORTALEZAS                                                                                   

   Clima suave e abundancia auga

   Diferenciación calidade: D.O.P. Arzúa-Ulloa

   Forte tradición queixeira

   Peso importante da industria agroalimentaria

   Escola agricultura ecolóxica Vilasantar

   Instalacións e persoal Melisanto-horta

   Mercados urbanos cercanos (Santiago/Coruña)

   Cooperativas fortes

   Existencia de pasteurizadoras nas queixerías que permitirían vender leite do día

DEBILIDADES

   Falta de diversificación (vacún de leite e forraxes)

   Escasa dimensión territorial das explotacións

   Sector lácteo con pouco valor engadido: falta diferenciación e transformación

   Escasa formación para transformación do leite (distinto do queixo)

   Infraestruturas produtivas infrautilizadas (La Arzuana)

   Falta de interrelación do queixo co turismo e escasa capacidade de arrastre

   Continua desaparición de pequenos produtores queixeiros e falta de etiquetado.


OPORTUNIDADES          

   Desenvolvemento de explotacións hortícolas

   Incremento do consumo de produtos ecolóxicos

   PAC orientada á produción baixa en carbono

AMEAZAS

   Sector lácteo non estruturado: volatilidade dos prezos e toma de decisións lonxe da produción.

   Nova PAC: liberalización de mercados

   Tratados de comercio internacionais que ameazan as Denominacións de Orixe (TTIP)

   Compra de instalacións queixeiras (La Arzuana) por parte de capital foráneo

   Falta distribución e transformación en ecolóxico en Galicia

   Tetra brick que permite o consumo do leite a seis meses

No hay comentarios:

Publicar un comentario