NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




15 jun. 2016

Áreas prioritarias e importantes da Estratexia de Desenvolvemento Local do UTM

O pasado martes, 7 de xuño, presentouse na Asemblea Xeral o contido fundamental da Estratexia de Desenvolvemento Local 2014-2020 do GDR Ulla Tambre Mandeo. 

Na reunión expúxose o listado de áreas de actuación fundamentais da Estratexia, construídas a partir do proceso participativo dos últimos meses, as cales se reflicten a continuación.

Aínda que estamos xa na etapa final de redacción da estratexia, animámosvos a seguir facendo todas aquelas aportacións que estimedes para enriquecela, coma sempre, a través do noso enderezo de correo electrónico: 


_________________________________________________________________________

OBXECTIVO TRANSVERSAL DO GDR: 

1. Gobernanza local e animación do territorio.

A. ÁREAS PRIORITARIAS DA ESTRATEXIA:

1. Creación de emprego de calidade no territorio (Obxectivo Leader Galicia: creación e mantemento de emprego)

2. Mellora na transformación e comercialización, así como na imaxe, do leite e derivados lácteos e dos produtos agroalimentarios do territorio con marca propia.

3. Diversificación do sector agrario local cara outras actividades ou producións distintas do vacún de leite.

4. Mellora na calidade de vida das persoas maiores e/ou da poboación infantil ou contribución á igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres (Obxectivos Leader Galicia: igualdade, creación e mellora de servizos para mellorar o nivel de vida, inclusión social e redución da pobreza).

5. Desenvolvemento ambiental na economía local, orientada á redución do consumo de enerxía, á instauración de enerxías renovables, á redución do uso de materiais, da produción de residuos e da emisión de contaminantes á atmosfera e/ou á auga (Obxectivo Leader Galicia: fomento dunha economía baixa en carbono, entre outras: enerxías renovables e eficiencia enerxética)

6. Impulso á innovación e apoio á instauración de empresas tecnolóxicas e con forte potencial de crecemento (Obxectivo Leader Galicia: fomento da innovación e a transferencia do coñecemento)

7. Transformación en produtos turísticos dos principais recursos patrimoniais do territorio UTM, achegándolle ó público visitante o modo de vida local, a cultura, a natureza, a etnografía, a gastronomía, etc. En definitiva, mellorar a súa vivencia no territorio, cun coñecemento integral e coa interacción co mesmo.
       
     Nota: Considéranse principais os seguintes recursos patrimoniais: Fervenza das Brañas, San Antolín de Toques, Ciadella, Mosteiro e Lagoa de Sobrado, Praza do Convento de Melide, río Ulla, Camiños de Santiago, Igrexa e Batán de Santa María de Mezonzo en Vilasantar, embalse e ferri de Portodemouros.

8. Valorización económica de especies forestais galegas a través de usos e explotacións alternativas.

      Nota: En concreto, incentivarase o aproveitamento económico das especies recollidas no anexo I do decreto 50/2014, de 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal. Tamén se incentivará o aproveitamento de  froiteiras, arbustos con froito, produtos micolóxicos, e outras plantas con tradición en Galicia: toxo, uces, xestas, vimbios... plantas ornamentais como a camelia, hortensia, ou as plantas aromáticas e mediciñais. En todo caso, exclúense as coníferas non recollidas no anexo I do decreto 50/2014, o bambú, as madeiras tropicais, as recollidas no Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras, e na lexislación que deste decreto se derive.  Poderase incentivar calquera actividade que incremente as posibilidades da rendibilidade e supervivencia das especies anteriormente mencionadas, por exemplo:
-        Actividades de valorización do espazo: deportivas, educativas, sociais.
-        Actividades de aproveitamento das especies para todo tipo de usos e produtos:
§  alimentación e bebida: froitos, cogomelos, licores, té, aceite, mel e calquera derivado dos produtos forestais.
§  hixiene, saúde e estética: xabón, aceites, extractos, mediciña homeopática, cremas, unturas etc.
§  usos ornamentais de plantas, parte da planta, musgos ou liques
§  reprodución e venda de especies ou sementes.
§  fabrís como mobles, monturas e mangos, pipas de fumar, hormas e artesanía en xeral.
§  combustible fósil, leña ou biomasa
§  Calquera que utilice subprodutos e refugallos 

B. ÁREAS IMPORTANTES DA ESTRATEXIA

1. Mellora da imaxe e da comercialización da produción local do territorio con marca propia (artesanía, souvenirs ou outros produtos).

2. Desenvolvemento ambiental no tecido produtivo e económico local orientado á reutilización ou valorización de refugallos nas explotacións agrarias, na actividade industrial ou en calquera outro sector.

3. Valorización do patrimonio, promoción turística do territorio ou xeración de produtos turísticos ou vivencias para turistas baseados en elementos patrimoniais distintos dos recollidos como prioritarios na estratexia.