NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




6 ago. 2015

Mapa turístico Ulla Tambre Mandeo

Descarga o noso mapa turístico, no que che propoñemos unha ruta de 3 ou 6 días (dependendo da túa dispoñibilidade) para que non perdas ningún dos nosos imprescindibles. Sexas unha persoa que viaxa soa, en familia ou con amistades... este é o teu destino! Gózao!!!

Mapa Turístico Ulla Tambre Mandeo

4 ago. 2015

Rematamos o noso percorrido turístico en Melide, Toques e Santiso


Comezamos esta última xornada turística polo territorio do GDR Ulla Tambre Mandeo coñecendo os concellos de Santiso, Toques e Melide.
 
Un bo comezo é, sen dúbida, subir a bordo do único ferri de augas interiores de Galicia, o que comunica o concello de Santiso con Vila de Cruces nos Embalse de Portodemouros en pleno río Ulla de maneira gratuíta e que leva funcionando dende o ano 1977.
 
A continuación, podemos visitar o fermoso pazo de Vilar de Ferreiros en Visantoña e coñecer nesta mesma parroquia e tamén na próxima de Novela dous dos cruceiros máis curiosos de Galicia; con elementos característicos como o pousadoiro dun deles ou as caveiras esculpidas das súas bases. E, antes de marchar, convén tomar un refrixerio e desfrutar da estupenda área recreativa do Liño, na Cornella; para coller forzas.

Despois do concello de Santiso, podemos desprazarnos ata Toques, posuidor dun inxente patrimonio natural como o reflicte o feito de que o 40% da superficie municipal deste concello pertenza á rede Natura coa Serra do Careón.
Toques pode ensinarnos moito de natureza, por exemplo, visitando a impresionante Fervenza das Brañas no río Furelos; pero tamén moito do noso pasado co seu numeroso e importante patrimonio arqueolóxico e histórico, do cal se poden citar como imprescindibles o dolmen Forno dos Mouros ou o mosteiro de San Antolín; testemuña do patrimonio relixioso prerrománico.

 
E, como non, rematamos en Melide, o cal non ten nada que envexar a nivel patrimonial ós seus veciños. De visita ineludible é a Praza do Convento, en pleno núcleo urbano, admirando a Obra Pía de Santo Antón e o Museo Etnográfico da Terra de Melide, o cal recolle importantes mostras do patrimonio histórico da comarca.
 Sen movernos do núcleo da vila,  non deberíamos marchar sen visitar o “cruceiro máis antigo de Galicia”, segundo dicía Castelao, polo cruceiro de San Roque enfronte da capela do mesmo nome.
Melide ofrece, para rematar a intensa xornada, un fermoso espazo para gozar da natureza e descansar como é a Praia Fluvial de Furelos e aldeas próximas con encanto como son a propia de Furelos e a de Leboreiro; perfectamente conservadas e con mostras de arquitectura civil impresionantes como pode ser a Ponte de Furelos.

 
Rematamos aquí co noso percorrido polas comarcas de Melide e Arzúa e polos concellos de Curtis e Vilasantar, para quen teña gana de máis, lembrade que contades co mapa turístico do GDR recén saído da imprenta no que poderedes atopar, ademáis dos recursos patrimoniais dos dez municipios, unha estupenda guía de negocios de aloxamento, restauración e actividades do mesmos.
Gozade da visita!!!