NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




14 mar. 2013

"Xornadas de Hortas Abertas", a nova aposta de difusión do UTM

O GDR Ulla Tambre Mandeo busca nesta anualidade seguir profundando na mellora da promoción e comercialización dos produtos hortícolas do territorio co seu novo proxecto de difusión denominado "Huertas Abiertas".

No pasado ano, o GDR levou a cabo o evento "Buscando o teu horticultor ideal", baixo a forma de citas rápidas co teu horticultor ideal, buscábase fomentar o consumo dos produtos hortícolas nos ámbitos urbanos en Galicia.

Este evento, alonxado dos típicos actos de mera exposición e posta en valor dos produtos, puxo o acento no sabor das verduras e hortalizas, a través dunha degustación, e nas persoas produtoras, a través da conversación directa con elas e do coñecemento das súas experiencias.

 No 2013 o GDR da un paso máis alá e propón que as posibles persoas consumidoras das verduras e hortalizas se familiaricen tamén coas explotacións onde se cultivan. As "Xornadas de Hortas Abertas" desenvolveranse como visitas dun día de duración ás explotacións, nas que os asistentes poderán coñecer de preto a actividade e, incluso, recolectar e mercar directamente nas mesmas. O contido das xornadas completarase coa celebración de charlas sobre dietética e nutrición e outra actividades relacionadas cunha alimentación saudable e o consumo de produtos hortícolas frescos.

Se xestionas unha explotación hortícola do territorio ou unha empresa agroalimentaria e queres participar como anfitrión nalgunha das "Xornadas de Hortas Abertas" xa podes inscribirte na oficina técnica do GDR a través das distintas vías de contacto coas que contan:

Teléfono: 981 511 377
Correo electrónico: utm23gdr@yahoo.es

Podes atopar máis información no seguinte enlace, pertencente ó programa Espazo Leader de Radio Melide: 




13 mar. 2013

Espazo Leader dedicado ó Día Internacional da Muller

Como ben saberedes, o pasado 8 de marzo celebrouse o Día Internacional da Muller. Con motivo desta conmemoración, no programa co que conta o GDR en Radio Melide, o Espazo Leader, estivemos parolando sobre o papel da muller no GDR.

Con este obxectivo, contamos coa colaboración de dúas excepcionais convidadas no programa; por unha banda, Pilar Barreiro Lodeiros, promotora dun proxecto concesionario dunha axuda Leader no ano 2011 e, pola outra, Matilde Pallares Cajide, empresaria no rural co seu negocio turístico de Santiso e membro da Xunta Directiva do GDR Ulla Tambre Mandeo.

Para completar as diferentes perspectivas, tamén fixo a súa achega unha das dúas compoñentes do equipo técnico do GDR, María Mellid.

Podedes escoitar o programa completo no seguinte enlace:




11 mar. 2013

Remata o módulo de herbas aromáticas e medicinais no Curso de Usos Alterntivos do Monte



Este sábado celebrouse a última xornada do bloque temático de herbas aromáticas e medicinais dentro do curso de Usos alternativos do monte organizado polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo na Escola de Agricultura Ecolóxica de Vilasantar.
Nesta xornada, o alumnado seguiu profundando nas propiedades medicinais das plantas máis coñecidas, as distintas prácticas e tratamentos para evitar e controlar as pragas, os criterios e tarefas de recolección neste tipo de cultivos así como os segredos para levar a cabo esta actividade económica con éxito. Do mesmo xeito, tamén puideron examinar as distintas plantas que existen no xardín da Escola de Vilasantar e comprobar a xerminación da sementeira que comezaron a semana pasada.

Desde o GDR Ulla Tambre Mandeo considerouse este curso de sumo interese polas posibilidades que o cultivo destes produtos alternativos: herbas aromáticas, plantas medicinais, plantas de froitos silvestres, etc. pode supoñer en parcelas forestais que non se axeitan á explotación madeireira ou, incluso, como cultivo combinado coas plantacións regulares.
 
O Curso de Usos Alternativos do Monte reanudarase o 6 de abril co módulo dedicado ó cultivo dos pequenos froitos do bosque, cunha xornada de 8 horas que tamén se desenvolverá na Escola de Agricultura Ecolóxica de Vilasantar.

4 mar. 2013

Gran interese na primeira xornada do Curso de Usos Alternativos do Monte



Este sábado comezou o curso de Usos alternativos do monte organizado polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo na Escola de Agricultura Ecolóxica de Vilasantar. Na presentación do mesmo o alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, amosou a  súa satisfacción pola gran  acollida que tivo esta acción e que levou a incrementar o número máximo de persoas admitidas co fin de non deixar fóra a ninguén do territorio. Do mesmo xeito, tamén se amosou encantado de que o GDR escollera o concello de Vilasantar para desenvolvelo, nunha Escola que conta cunhas inmellorables instalacións para realizar este tipo de formación.
Esta primeira xornada versou sobre as herbas aromáticas e medicinais, como poden ser a menta, salvia, alfábega, romeiro, tomiño, o ourego e moitas outras. Todas elas teñen numerosos aproveitamentos e usos, desde a súa utilidade para sazonar e condimentar distintos pratos gastronómicos tanto en cociñas domésticas como na chamada “alta cociña”, ata a súa utilización en produtos relacionados coa saúde ou a estética polas súas numerosas calidades: infusións, unturas, etc.
No curso, o alumnado recibiu unha completa información teórica sobre o cultivo ecolóxico destas plantas aromáticas e medicinais: a sementeira, a poda, os tratamentos, os usos que se lle da a cada unha, etc. Ó mesmo tempo, as persoas asistentes tamén puideron analizar polo miúdo distintos exemplares e sementes destas plantas co fin de diferencialas e, finalmente, efectuaron unha pequena sementeira a modo de práctica, e que cada un levou para casa para seguir co coidado e cultivo das distintas plantas.
O bloque temático das herbas aromáticas completarase coa vindeira xornada de oito horas prevista para o seguinte sábado, 9 de marzo, na que o alumnado seguirá completando os seus coñecementos tanto teóricos como prácticos.

E se a mañá do sábado o equipo técnico a dedicou á información sobre os novos aproveitamentos do monte para dinamizar este sector, o mellor lugar para pasar o resto da fin de semana foi a Feira do Queixo de Arzúa, festa para valorizar un dos nosos produtos locais por excelencia.

Nova selección de proxectos na Xunta Directiva do 28 de febreiro


O pasado xoves o GDR Ulla Tambre Mandeo celebrou unha reunión ordinaria da súa Xunta Directiva, no plano operativo seleccionáronse, no ámbito da medida subvencionable de diversificación económica de tres novos proxectos, os tres aprobados en reserva pola inexistencia de fondos nesta medida na actualidade. Dous deles están promovidos por dúas empresas de prestación de servizos agrarios e forestais, localizadas en Arzúa e Boimorto respectivamente. En conxunto, estes dous proxectos contemplan investimentos por valor dun total aproximado de 700.000 € para a mellora e ampliación do seu parque de maquinaria e a consolidación de 6 postos de traballo; o terceiro dos proxectos está promovido por unha empresa dedicada á carpintería en madeira en Arzúa, contempla un investimento de preto de 670.000€ para a informatización e mellora do seu proceso produtivo e a consolidación de catorce postos de traballo.
 Por outra banda, seleccionouse un proxecto na medida da dinamización do sector agroforestal, a posta en marcha dunha iogurería tradicional nunha explotación de leite de vacún en Touro, os promotores buscan valorizar parte da súa produción de leite mediante a transformación do mesmo. Os investimentos correspóndense coa adquisición do equipamento para a transformación e ascenden a un total de 62.000€, o que se traduce na concesión dunha axuda Leader de preto de 22.000 €. Con este proxecto incorpórase un mozo á explotación que se encargará da actividade da iogurería.

Con relación ó Programa Leader, tamén tivo cabida na reunión un debate sobre diversos asuntos de vital importancia para o futuro da Asociación, entre outros temas,  a diferenza substancial que significaría para a xestión do GDR a posibilidade de liberar os fondos actualmente non dispoñibles e a preocupación da Directiva pola incerteza no tocante á existencia de dotacións orzamentarias para os vindeiros 2014 e 2015; cruciais para o futuro do GDR.

Nesta reunión tamén se acordou solicitar o ingreso do Ulla Tambre Mandeo como colaborador nun proxecto de cooperación denominado “Nuevos Horizontes” posto en marcha por varios GDRs da provincia da Coruña no ano 2010 dedicado á recuperación de variedades tradicionais de produtos agrícolas e á promoción de novos cultivos en Galicia.

Por último, o Presidente do GDR dou conta ós restantes membros da Xunta Directiva da incrible acollida que está a ter o “Curso de Usos Alternativos do Monte”, organizado polo GDR en tres bloques independentes dedicados ás herbas aromáticas e medicinais, ós froitos do bosque e á apicultura. Aínda que nun principio estaba organizado para un alumnado máximo de quince persoas, as prazas esgotáronse en tres días polo que, finalmente, se admitiron un total de 25 nun esforzo por que todas as persoas do territorio do UTM puideran asistir. O curso comeza mañá, día 2 de marzo, na Escola de Agricultura Ecolóxica de Vilasantar.