NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




26 ago. 2011

Celebración da reunión ordinaria da Xunta Directiva o 1 de setembro de 2011

A Xunta Directiva do GDR Ulla Tambre Mandeo reunirase o vindeiro xoves 1 de setembro, a devandita reunión convócase ás 18.30 h en primeira convocatoria e ás 19.00 h en segunda convocatoria no Centro Cultural Luís Seoane do concello de O Pino.

A orde do día será a seguinte:
  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da reunión anterior.
  2. Estado de situación do pago das cotas. Baixa de asociados que non teñan feito o ingreso.
  3. Admisión na Xunta Directiva, se procede, de novos membros.
  4. Elección de novos cargos directivos: presidente e vicepresidente segundo.
  5. Resolución de expedientes do Programa Leader.
  6. Informes.
  7. Rogos e preguntas.

Nesta reunión agárdase poder proceder á selección de tres dos expedientes prioritarios do GDR como son a modernización dunha queixería familiar no concello de Sobrado, a implantación dun viveiro forestal no concello de Boimorto e a mellora dunha explotación agrícola no concello de Arzúa.
Da mesma forma na reunión informarase ós presentes de distintos temas referentes ó funcionamento do Grupo como son a planificación dun novo Plan de Difusión, as conclusións da reunión mantida co Director Xeral de Agader sobre o Programa Leader ou a evolución dos fondos xestionados polo GDR.

Informe do Programa Leader Ulla Tambre Mandeo ó Director Xeral de Agader

O pasado 12 de xullo os cargos directivos do GDR Ulla Tambre Mandeo xunto coa xerenta do equipo técnico, mantiveron unha reunión co Director Xeral de Agader, D. Antonio Crespo Iglesias. Na reunión solicitóuselle ó Sr. Crespo máis axilidade nos trámites de aprobación das axudas, a fin de poder executar e xustificar os proxectos na vixente anualidade. Nun momento tan difícil como o actual, moitos promotores esperan a coñecer a aprobación da axuda antes de dar comezo ás obras polo que a celeridade é importante para a creación de empresas e emprego no rural. 
Por outra parte, desde febreiro de 2011, momento no que se abriu o periodo para solicitar as subvencións do Programa Leader, o GDR recibiu solicitudes que, de aprobarse e executarse na súa totalidade, cubrirían o 100% da dotación orzamentaria das anualidades 2011, 2012 e 2013.
Non obstante, e seguindo as regras europeas, o GDR tería a posibilidade de botar man das anualidades do 2009 e 2010, co que poderían concederse moitas máis axudas para a contribución ó desenvolvemento dos dez concellos do territorio. De feito, estas anualidades supoñen o 45% do total do orzamento do Programa Leader Ulla Tambre Mandeo. Por iso, na reunión mantida co Director Xeral de Agader se reiterou a importancia do Programa Leader como motor de desenvolvemento e de participación social e se solicitou unha pequena implicación política para poder desenvolvelo Programa na súa totalidade. As devanditas anualidades, supoñen para as arcas autonómicas unha mínima aportación, pero teñen unha repercusión importante no territorio xa que se estima que suporían un investimento de máis de sete millóns de euros no medio rural.

Podes ver esta noticia no seguinte enlace:
http://www.elcorreogallego.es/comarcas/ecg/gdr-ulla-espera-fondos-leader-febrero/idEdicion-2011-08-26/idNoticia-695847/