Continuamos coñecendo os atractivos do
territorio do Ulla Tambre Mandeo e, desta volta, dámoslle o protagonismo ós
concellos que compoñen a comarca de Arzúa.
Xa en Boimorto, a primeira parada obrigada
é a igrexa románica de Sendelle do século XII, co seu ábside semicircular, onde
se poden ver pinturas murais so século XVI con distintas escenas da liturxia
relixiosa. Ademais, podemos coñecer máis a fondo este concello bañado polo río
Tambre recorrendo algunha das rutas coas que contan, sendo unha delas a que
transcorre pola antiga vía romana, na que se achou o miliario romano que se
atopa diante do edificio do Concello.
Unha boa data para coñecer o concello de
Boimorto é, sen dúbida, o segundo fin de semana de setembro, coincidindo co Festival
da Luz que se celebra en Andabao, onde se dan cita músicos nacionais e
internacionais con fins solidarios e se exalta a vida rural e a natureza.

Neste momento do itinerario, restan por visitar os concellos da comarca de Arzúa máis achegados a Santiago. En Touro, unha das primeiras opcións para os amantes da natureza é percorrer as dúas estupendas rutas homologadas coas que contan. A “dos tres ríos” e a da “ribeira do Ulla”, onde nos podemos coñecer a vexetación de ribeira, os estupendos bosques de sobreiras, as ouriceiras que atopamos ó pe da ruta para almacenar e recoller castañas e os lugares máis escondidos e máxicos de ambos itinerarios como poden ser o Salto das Pombas, a Fervenza do Inferniño ou xa, no final da ruta de ribeira, o Pozo do Pego; o cal é ideal para unha merenda relaxada lonxe do estres cotián.
Tamén en Touro, dentro de pouco, poderemos
completar a xornada cunha visita ó Centro de Interpretación do Río Ulla, que se
poñerá en marcha proximamente e contará cunha axuda do Programa Leader do GDR.

Moi recomendable o día 22 de xullo, día da patrona, cando se celebra unha
multitudinaria romaría campestre no lugar.




No hay comentarios:
Publicar un comentario