Ven ó Ulla Tambre Mandeo a
coñecer ó Teu Horticultor Ideal. Visita as nosas hortas o día 31 de agosto
nunha xornada que o Grupo de Desenvolvemento Rural está organizando para ti.
O Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo é unha asociación sen
ánimo de lucro que xestiona o Programa de Axudas Europeo Leader, que ten entre
os seus obxectivos potenciar os produtos con valor engadido local no seu
territorio: Comarca de Melide (Melide, Santiso, Toques e Sobrado), Comarca de
Arzúa (Arzúa, Touro, O Pino, Boimorto), Curtis e Vilasantar.
Dentro deste territorio hai unha gran variedade en produtos
agroalimentarios de calidade, e por iso querémoste invitar a descubrilos.
Ademais, varias empresas lideradas pola Cooperativa Melisanto, puxeron en
marcha o ano pasado unha iniciativa de venda a domicilio dos seus produtos
na Coruña. Por correo electrónico ofrecen como produto estrela as verduras
e hortalizas dos horticultores e horticultoras locais, pero tamén queixo
Arzúa-Ulloa, mel, ricos, amendoados, melindres, marmeladas, setas, embutidos e
polos de curral. Por iso queremos que tódalas persoas da Coruña descubran estes
produtos in situ e coñezan as nosas hortas, das que nos sentimos especialmente
orgullosas.
Vives na Coruña? Gústache comer ben? Valoras a calidade e o comercio de
proximidade?
Se é así queremos que esteas con nós o sábado 31 de agosto. Saímos da
Coruña ás 10 da mañá cara Sobrado dos Monxes, onde visitaremos unha granxa
extensiva de porcos, Aldea de Barrio, proxecto financiado polo Leader. E iremos
tamén á Casa do Queixo de Grixalba, casa-museo onde nos explicarán brevemente
as características e tradición do queixo D.O.P. Arzúa Ulloa. Tras esta parada
nos diriximos cara o concello de Santiso, para coñecer as mellores hortas da
comarca de Melide, alí un técnico de Melisanto nos explicará o proceso e
características das verduras e hortalizas que se cultivan na zona.
Ó mediodía terás tempo libre para comer e pasear por Melide, unha bonita
vila, capital de comarca, onde che recomendamos visitar a igrexa de San Roque,
o cruceiro máis antigo de Galicia, segundo As Cruces de Pedra de Galiza, de
Castelao ou o museo etnográfico.
Xa no camiño de volta a Coruña faremos unha parada na horta da Sociedade
Agraria de Transformación (SAT) Fungocerga, especializada en froitos do bosque,
setas silvestres e cultivo de shiitake.
Tras este intenso e saboroso día, volvemos a casa sobre as oito e… a pedir
as túas verduras por internet!!
Para inscribirte á Xornada de Hortas Abertas chama canto antes ó Grupo de
Desenvolvemento Rural: 981.511.377 ou envíanos un correo cos teus datos: nome e apelidos,
dirección postal e teléfono a utm23gdr@gmail.com.
Temos 50 prazas nada máis!
No hay comentarios:
Publicar un comentario