NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




29 abr 2013

Seleccionados seis novos proxectos no Ulla Tambre Mandeo: coa súa posta en marcha investiranse preto de 900.000 € no territorio


O pasado mércores 24 de abril sometéronse á consideración da Xunta Directiva seis novas propostas para a súa selección como beneficiarias das axudas Leader, tres destes proxectos son imputables á medida 411 de dinamización do sector agrario e forestal e os tres restantes teñen carácter non produtivo e son imputables á medida 413 de diversificación económica e mellora da calidade de vida.

En conxunto, a posta en marcha destes seis proxectos significa un investimento total no territorio de 835.800 € que se cristalizará a finais deste ano 2013, do mesmo xeito, acumulan unha concesión de axudas por un importe de 277.730 € aproximadamente. Ademais da incidencia no emprego dos proxectos produtivos, que se traduce na consolidación de dez postos de traballo e na creación de outros catro; toda a poboación se poderá beneficiar das actividades que se xerarán da man dos proxectos de carácter non produtivo promovidos por tres Concellos do territorio do UTM.

MEDIDA 411. Dinamización do sector agrario e forestal.

Proxecto: Produción e comercialización de arando en Galicia, en Melide

Promotor: Abel Gutiérrez

Descrición: Plantación de seis hectáreas de arandos, nunha finca na zona de protección de Rede Natura; o promotor, un mozo emprendedor de 28 anos, xa conta co permiso da Dirección Xeral da Natureza para efectuar a plantación polos beneficios medioambientais que xera a mesma nesta zona protexida. Abel Gutiérrez atopou neste cultivo unha oportunidade de negocio pola escasa oferta actual que hai deste froito, o seu alto valor de venda e as extraordinarias propiedades coas que conta o produto. Os investimentos correspóndense co peche perimetral do total da finca de 12 hectáreas, a plantación de 6 hectáreas, a instalación das infraestruturas necesarias como a fertirrigación, os aseos, o almacén, etc. e, finalmente, a adquisición das plantas arandos.

Incidencia no emprego: Consolídase o emprego do promotor e créase un novo emprego a xornada completa coa implantación da explotación, cando as plantas estean en plena produción contémplase a contratación de arredor de quince persoas durante a época de recolección.

Investimento: 261.714,53 €

Axuda concedida: 64.599,61€

 

Proxecto: Acondicionamento e automatización en granxa de ovos campeiros, en Melide

Promotor: Explotaciones Avícolas de Melide SC

Descrición: Adecuación e automatización dunha nave destinada á produción de ovos de galiñas campeiras, a entidade promotora busca optimizar o proceso de produción e facelo máis eficiente, cun menor consumo enerxético e cunha mellora nos tempos das tarefas. Os investimentos correspóndense co sombreado do exterior da nave, coa automatización do procesado e almacenaxe dos ovos mediante novos poñedoiros con soportes e sistemas automáticos de recollida e ventilación e coa adquisición de paneis solares fotovoltaicos para autoconsumo.

Incidencia no emprego: Consolidación dos seis postos de traballo actuais e creación de dous novos empregos.

Investimento: 299.596,00 €

Axuda concedida: 87.501,84€

 

Proxecto: Ampliación de explotación porcina en extensivo, en Sobrado

Promotor: Aldea de Barrio SL

Descrición: Ampliación dunha explotación porcina en extensivo constituída por varios gandeiros da zona para poñer a producir distintas parcelas de difícil aproveitamento agrícola. A entidade promotora que crearon conta na actualidade con vinte animais en réxime extensivo, con esta ampliación, pretenden poñer en funcionamento un total de dez hectáreas de superficie para dar cabida ó número máximo de animais permitidos, é dicir, 150. Os investimentos consistes no peche de catro parcelas para engadir ás dúas que actualmente teñen en produción, no formigonado dos espazos onde se localizarán as casetas dos animais e na instalación de casetas, comedeiros e  canalización de auga para a correcta estadía dos animais. Tamén se inviste no equipamento necesario para as tarefas de xestión coa adquisición de equipamento informático e o deseño dunha páxina web corporativa de Aldea de Barrio SL.

Incidencia no emprego: Consolidación dos tres empregos dos socios propietarios e xeración dun novo emprego.

Investimento: 111.488,40€

Axuda concedida: 32.829,19€

 

MEDIDA 413. Diversificación económica e mellora da calidade de vida (proxectos non produtivos)

Proxecto: Dinamización turística e comercial do concello de Melide

Promotor: Concello de Melide

Descrición: Deseño e posta en marcha dunha plataforma web na que se insira de maneira atractiva e dinámica toda a información turística e comercial da vila melidá. Ademais, será plenamente accesible posto que se habilitarán puntos wifi en lugares estratéxicos do concello así como códigos QR nos principais elementos patrimoniais. Con este proxecto ábrense novas posibilidades para os visitantes do municipio pois obterán toda a información nun maneira rápida, novidosa e sinxela.

Investimento: 51.648,85€

Axuda concedida: 34.843,76€

 

Proxecto: Dotación de novas tecnoloxías en locais municipais, en Curtis

Promotor: Concello de Curtis

Descrición: Dotación de novidoso equipamento no centro de ocio infantil de Curtis e no eficio de usos múltiples de Teixeiro para familiarizar á poboación local coas novas tecnoloxías e o acceso á redes, para lograr este obxectivo, o Concello organizará sucesivos obradoiros e seminarios para onde se formará á vecindade de Curtis de todas as potencialidades coas que conta Internet, uns coñecementos que cada vez son máis imprescindibles na vida diaria.

Investimento: 58.851,98€

Axuda concedida: 36.133,82€

 

Proxecto: Desenvolvemento da agricultura ecolóxica, en Vilasantar

Promotor: Concello de Vilasantar

Descrición: Adaptación das instalacións da escola de agricultura ecolóxica de Vilasantar para destinala a uso formativo e asesoramento no eido da produción e transformación de produtos agrícolas catalogados como ecolóxicos. Os investimentos contemplan a creación dunha aula TIC para a formación teórica e na adecuación dunha sala de elaboración e envasado de produtos agroalimentarios para a formación práctica.

Investimento: 52.501,36€

Axudas concedidas: 21.823,94€

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario