Galicia presenta
unha especialización sectorial cun forte peso da agricultura, gandería,
silvicultura e pesca, seguido polo sector de industrias e enerxía e industria
manufactureira, construción, comercio e hostalaría e administración pública,
sendo o da enerxía, o sector desta lista que presenta un mellor comportamento
nos últimos anos.
No UTM os
resultados son similares, cun peso moito maior do sector primario, e excluíndo
a industria manufactureira, que apenas ten importancia neste territorio. O peso
relativo da enerxía é incluso máis acusado que no caso galego, sobre todo na
comarca de Melide. Tamén chama a atención importancia da industria
agroalimentaria, cunha porcentaxe do VEB dobre que en Galicia. Este sector
presenta datos positivos nos últimos anos, o que podería supoñer unha fortaleza
para o UTM. A industria agroalimentaria está caracterizada pola D.O.P. Arzúa
Ulloa, pero non só por iso, senón tamén por pequenos produtores de queixo sen
D.O.P. (en declive), a repostería tradicional de Melide, panaderías artesanais
de gran calidade e outros produtos característicos do noso territorio con marca
de identidade e procesos de produción sustentables (Embutidos Aldea de Barrio,
Bacalaos Boado, Iogures Gur Gur etc.). A identidade destes produtos poderíase
perder de progresar o acordo comercial entre EEUU e Europa que se está
negociando (TTIP).
A actividade
artesanal non ten moita importancia, como se podería supoñer, dado o carácter
rural, non obstante existe unha forte especialización do coiro, con moita
tradición e calidade.
Se comparamos o UTM
coa provincia, o dato máis significativo é a diferenza no sector
manufactureiro, que en Coruña ten moita importancia, centrado en Inditex e
auxiliares, mentres que no noso territorio a influencia de ter unha das maiores
multinacionais do sector a escasos quilómetros, non se deixa sentir.
En xeral, a nosa
estrutura produtiva está centrada en sectores maduros, de escaso poder
innovador e crecemento moi moderado ou inexistente, agás o sector enerxético,
con maior potencial. Apenas existen empresas con servizos especializados
baseados no coñecemento, e tamén escasean as empresas do sector medio
ambiental. A excepción a este punto está na antiga mina de Touro, onde se
asentan un grupo de empresas dedicadas á reciclaxe, e unha spin off do sector
químico, cun alto nivel de innovación.
Non existen empresas
de máis de 49 empregados, a maior parte son empresas familiares con cero ou un
empregados, igual que pasa en Galicia. Estas empresas teñen maior versatilidade
e poden adaptarse ós cambios de ciclo, non obstante, á hora de negociar e
acceder a novos mercados, as súas posibilidades son menores.
No futuro sería
factible o asentamento de nova industria, xa que existe chan industrial dispoñible
en tres dos concellos, dous xa funcionando (Melide, Arzúa) e un polígono de
propiedade privada e de recente creación (Touro). Ademais, o Programa Leader
leva anos demostrando que existe un tecido empresarial formado por persoas con
capacidade emprendedora, dispostas a poñer en marcha negocios rendibles, que
ademais teñen capacidade de investimento e acceso ó crédito, e que están
apoiadas por dúas asociacións comarcais de empresas ben estruturadas (AECA e
ASETEM). Non obstante, o acceso ó crédito destes emprendedores podería
reducirse, ó alonxarse cada vez máis as entidades financeiras dos nosos pobos.
Hai unha actividade
comercial e hostaleira moi importante nas vilas máis grandes, especialmente en
Melide, apoiado pola feira dominical, por aglutinar á xente nova de tódolos
arredores o sábado pola noite e por un turismo vacacional que incrementa a
demanda na época estival. Non obstante, a autovía A54 podería supoñer unha
ameaza para este sector e desprazar esta actividade cara as cidades, aínda que
por outra banda, nos acerca a mercados urbanos e achega distancias para a
industria.
DEBILIDADES
- Ausencia de grandes empresas: limitación ó acceso de novos mercados.
- Escasa conciencia ambiental e falta de empresas do sector ambiental
- Paulatina desaparición de pequenos produtores queixeiros
- Estrutura sectorial baseada en sectores maduros, con menores posibilidades de crecemento e innovación (agroalimentaria, madeira, construción…)
FORTALEZAS
- Tradición artesanal do coiro
- Forte industria agroalimentaria de calidade
- Dispoñibilidade de chan industrial
- Existencia de empresas innovadoras na antiga mina de Touro. Algunhas do sector da reciclaxe.
- Empresas pequenas, con maior versatilidade
- Forte peso do sector enerxético na nosa economía.
- Asociacións de empresas comarcais fortes, estruturadas e con longa traxectoria.
- Existencia de tecido emprendedor con capacidade de investir, innovar e con capacidade financeira e solvencia.
AMEAZAS
- Trazado da autovía da A54: posible deslocalización do comercio.
- Deslocalización das entidades financeiras
- Formalización posible do acordo sobre comercio TTIP
- Orzamento público minorado pola crise, que reduce a demanda da administración ás empresas.
OPORTUNIDADES
- Trazado da A54: fixación de poboación e industria.
- Programas europeos de apoio ó emprendemento: Leader
Nota: este é un breve resumo dun dos apartados do estudo socieconómico que está a configurar o GDR Ulla Tambre Mandeo. Para unha información máis ampliada, contáctanos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario