Durante a semana do 15 ó 19 de xullo o GDR Ulla Tambre Mandeo celebrou dous cursos formativos en dous puntos do territorio.
O primeiro deles, a Interpretación do Patrimonio: como realizar unha comunicación eficaz, desenvolveuse durante cinco días no Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro e serviu para que o alumnado mellorara as súas habilidades de comunicación, aprendese as técnicas de confección de textos accesibles para todo tipo de persoas e coñecera moito mellor o patrimonio do territorio coa realización dunha práctica de interpretación e a visita final do curso a varios elementos de interese da zona: o mosteiro e a lagoa de Sobrado, a igrexa románica de Santa María de Mezonzo e o batán situado na mesma parroquia, onde Pepe, a persoa que se encarga do seu mantemento ofreceu un exemplo maxistral de todo o aprendido no curso.
Queremos darlle as grazas a Isabel, de Ambientarte SL, por impartir un curso sumamente ameno e educativo e tamén a Pepe, unha vez máis deixounos sen palabras co seu bo facer e simpatía.
Na mesma semana, o GDR organizou en Touro durante tres días o curso Promoción do Patrimonio a través da fotografía, onde o alumnado puido familiarizarse con todas as técnicas de fotografía necesarias para obter un resultado de calidade neste eido. Como e seu nome indica, o curso centrouse en aprender as técnicas para retratar as paisaxes e os elementos máis impresionantes do Ulla Tambre Mandeo, de forma teórica e tamén práctica, posto que os asistentes puideron poñer en práctica o aprendido visitando os muíños da Carballa e a ruta dos tres ríos, da cal son protagonistas o río Santaia e o río Lañas.
Do mesmo xeito, queremos agradecer a Sergio, da Casa do Retrato, o seu traballo impartindo este curso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario