Os montes galegos son
os principais produtores de madeira de España (o 50% da produción estatal). As
empresas do sector madeireiro galego facturan preto de 2.500 millóns de euros o
ano, dando emprego directo a 26.000 persoas no sector.
A produción de
madeira do Estado español só cobre o 46% da demanda, polo que o 54% restante
que se consome actualmente provén doutros países.
Do total da
superficie de Galicia, máis da metade é
forestal (59%). Desta superficie forestal galega, o 65% ten árbores, fronte a
un 81% na provincia da Coruña. A presenza de eucalipto principalmente, e tamén
piñeiro, é moito máis ampla en Coruña (71% do total das plantacións) que na
media galega (máis ou menos a metade das plantacións). As caducifolias
(carballos, castiñeiros…) representan algo máis do 10% do total. Polo tanto na
provincia da Coruña hai menos monte con mato, se o comparamos con Galicia.
Forestal no
Ulla Tambre Mandeo
No Ulla Tambre Mandeo
existe unha porcentaxe de superficie forestal lixeiramente inferior á media
galega, un 53% fronte a un 59% no caso galego para o ano 2011. Para o ano 2014,
a superficie forestal no Ulla Tambre Mandeo diminúe lixeiramente, un 0,69%,
mentres que para o caso galego, a entidade da superficie forestal increméntase
case nun 6%.
Destacan pola gran
importancia relativa da súa superficie forestal os concellos de Toques e
Sobrado, relacionada coa existencia de zonas de montaña como son a Serra do
Careón e a Serra do Bocelo. Por outra banda, por riba da media galega tamén se
sitúan os concellos de Touro e O Pino.
Por outra banda, a
presenza de monte forestal baixo a clasificación de man común é moi diversa
segundo o concello que se analice:
- en cinco concellos (Arzúa, Touro, O Pino, Vilasantar e Santiso) non existe
ningunha comunidade de monte veciñal.
- en tres dos nove concellos, existe unha comunidade de monte veciñal: Sobrado,
Melide e Boimorto.
- en Toques, existen oito comunidades de monte veciñal.
O 75% da superficie
total forestal ten árbores, con diferenzas palpables entre municipios. Os que
máis aproveitan a superficie forestal son Arzúa, Boimorto, Touro, O Pino e
Santiso, con preto do total da superficie forestal arborizada. Por outra banda,
os concellos que máis superficie manteñen como pasteiro, pasteiro arbustivo ou
mato son os de Toques e Sobrado, tal e como se comentaba anteriormente, pola
existencia de zonas de montaña e, no caso de Toques, tamén directamente
relacionado coa protección de arredor do 40% do territorio municipal baixo a
figura da Rede Natura 2000.
No tocante á
actividade económica, o Ulla Tambre Mandeo, conta con preto dun centenar de
empresas forestais segundo o Rexistro da Xunta de Galicia, onde resalta o
concello de Touro no que figuran censadas 31 empresas. A maioría das empresas
están relacionadas coa corta e comercialización directa de madeira e tamén coa
serradura. O subsector industrial da fabricación de madeira, papel e mobles é
moi importante aquí, representa arredor do o 15% do VEB, mentres que no caso
galego é so do 6%.
Ademais, cabe
salientar tres casos concretos que poden supoñer efecto demostrativo ou
capacidade de arrastre na economía local con respecto ó sector forestal:
empresa produtora de madeira de nogueira e cerdeira en Boimorto (Bosques
Naturales), empresa de recollida de castaña (en Melide) e empresa de
fabricación de pellets de biomasa de pronta posta en marcha en Melide (Ramón
Cabado Biomasa).
Para finalizar,
segundo a normativa actual, os montes ou terreos forestais deberán dispoñer dun
instrumento de ordenación ou xestión forestal obligatorio e vixente, xa que a
partir do 2020, non se autorizarán aproveitamentos forestais nos montes que
carezan do mesmo. Segundo o Rexistro de Montes Ordenados da Xunta de Galicia. Só
sete dos montes forestais do UTM contan con proxecto destas características ou
similar, sendo dúas delas propiedade da empresa Finsa.
DEBILIDADES
- Excesiva
especialización en madeira: eucaliptos e piñeiros.
- Escasa
diversificación cara outros aproveitamentos do monte: castaña, froitos
silvestres, cogomelos, etc.
- Escaso
aproveitamento MVMC
- Apenas existen
montes con Plan de Ordenación.
FORTALEZAS
- Características
físicas (climáticas, orográficas, hidrolóxicas, etc.) vantaxosas
- Gran porcentaxe do
monte plantado
- Rede Natura:
garantía de conservación
- Importante número
de empresas forestais
- Industria da
madeira con forte peso relativo na economía local
- Existencia de
empresas con capacidade de arrastre: Castaña, Biomasa, Plantación de especies
de alto valor, Aserpal
AMEAZAS
- Importación
nacional de moita madeira.
- Concentración do
sector forestal galego nos aproveitamentos madeireiros, en especial, naquelas
de menor valor (moita produción, escaso PIB)
- Normativa vixente
que obriga a ordenación (inexistente nos nosos montes).
- Rede Natura: forte
intervención e restricións
OPORTUNIDADES
- Tendencia positiva
da demanda de madeira mundial
- Revisión do Plan
Forestal Galego: posibilidade de maior apoio
No hay comentarios:
Publicar un comentario