Continuamos coñecendo os atractivos do
territorio do Ulla Tambre Mandeo e, desta volta, dámoslle o protagonismo ós
concellos que compoñen a comarca de Arzúa.
Iniciamos o día no núcleo urbano da
cabeceira comarcal visitando a Capela da Madanela, igrexa dun antigo mosteiro
de agustinos do que non se conserva nada; na mesma dirección, continuamos camiño cara o embalse de
Portodemouros onde coñeceremos de preto o mundo das abellas e da produción
apícola no Museo Vivente do Mel coas súas visitas guiadas ou os seus talleres
(cera, mel, etc.). Á volta, cunha pequena parada na aldea de Hortas, descubrimos
un fermoso lugar en plena natureza como é a Fervenza das Hortas, tamén chamada
Fervenza de Santa Marta.
De camiño cara Boimorto, o segundo
concello en recibirnos na rolda de hoxe, son dúas as visitas que merecen a
pena, por unha banda o fermoso Pazo de Santa María e, pola outra, o Museo
Etnográfico da Paínza; onde podemos familiarizarnos cun pasado non tan afastado
da Galicia rural e dos oficios que nela se desenvolvían.
Xa en Boimorto, a primeira parada obrigada
é a igrexa románica de Sendelle do século XII, co seu ábside semicircular, onde
se poden ver pinturas murais so século XVI con distintas escenas da liturxia
relixiosa. Ademais, podemos coñecer máis a fondo este concello bañado polo río
Tambre recorrendo algunha das rutas coas que contan, sendo unha delas a que
transcorre pola antiga vía romana, na que se achou o miliario romano que se
atopa diante do edificio do Concello.
Unha boa data para coñecer o concello de
Boimorto é, sen dúbida, o segundo fin de semana de setembro, coincidindo co Festival
da Luz que se celebra en Andabao, onde se dan cita músicos nacionais e
internacionais con fins solidarios e se exalta a vida rural e a natureza.
Neste momento do itinerario, restan por visitar os concellos da comarca de Arzúa máis achegados a Santiago. En Touro, unha das primeiras opcións para os amantes da natureza é percorrer as dúas estupendas rutas homologadas coas que contan. A “dos tres ríos” e a da “ribeira do Ulla”, onde nos podemos coñecer a vexetación de ribeira, os estupendos bosques de sobreiras, as ouriceiras que atopamos ó pe da ruta para almacenar e recoller castañas e os lugares máis escondidos e máxicos de ambos itinerarios como poden ser o Salto das Pombas, a Fervenza do Inferniño ou xa, no final da ruta de ribeira, o Pozo do Pego; o cal é ideal para unha merenda relaxada lonxe do estres cotián.
Tamén en Touro, dentro de pouco, poderemos
completar a xornada cunha visita ó Centro de Interpretación do Río Ulla, que se
poñerá en marcha proximamente e contará cunha axuda do Programa Leader do GDR.
E rematamos no concello de O Pino, onde se
nos quedan forzas, son tamén recomendables as rutas coas que conta o Concello,
as cales se puxeron en marcha cunha axuda Leader no ano 2011, xa que nelas
atopamos unha magnífica mostra do principal patrimonio municipal. Trátase dun
itinerario cultural, unha senda fluvial e outra panorámica onde podemos coñecer,
entre outros elementos patrimoniais, a ponte romana de Ponte Puñide e a igrexa
de San Xulián de Lardeiros ou “catedral da montaña”; ver unha excepcional
paisaxe desde o mirador do Picón (punto xeodésico) ou pasar unha fermosa
xornada na área recreativa da Capela da Magdalena, á que acompañan a fonte, a
carballeira e a lagoa para formar un idílico conxunto etnográfico e natural.
Moi recomendable o día 22 de xullo, día da patrona, cando se celebra unha
multitudinaria romaría campestre no lugar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario