Durante os últimos tres meses realizouse por parte do GDR Ulla Tambre
Mandeo un curso sobre os usos alternativos do monte no que puidemos participar
moitas persoas da zona que este GDR abrangue. Nas diferentes xornadas contamos
ca participación de expertos e profesionais en plantas aromáticas e medicinais,
pequenos froitos do bosque e apicultura.
Dende o principio, os asistentes demostramos moitas ganas de aprender e
todos os poñentes demostraron ter, se cabe, mais ganas de ensinar, responderon
ás numerosas preguntas que lles formulamos,
achegaron datos e curiosidades dende a súa experiencia. Sempre é
interesante poder contactar con profesionais de sectores como este, son eles os
que mellor nos poden orientar a todos: aos que queren obter produtos para o
consumo propio, aqueles que ven neste sector una saída profesional ou aos que
teñen simple curiosidade persoal.
O formato no que o curso estivo organizado, mesturando as
nocións teóricas transmitidas por expertos, coa práctica sobre o terreo, fixo
que se nos fixese máis ameno e entretido a todos. Así, cada un dos días,
ensináronsenos cousas novas: con Ruth vimos novas plantas aromáticas e
medicinais que non coñeciamos e propiedades doutras que ignorabamos; aos
coidados deses pequenos pero moi saborosos froitos do bosque, pasando polo
traballo e dedicación que necesita o mundo da apicultura. Agronovo transmitiunos a importancia
dos produtos ecolóxicos, a dedicación e o traballo que supón dedicarse a este
sector, sendo por iso ademais dunha profesión, unha devoción.
Na práctica aprendemos a recoñecer diversas plantas
aromáticas no campo, plantando sementes dalgunhas delas, realizando podas e aprendendo
a recoller e conservar froitos do bosque grazas a Fungocerga, e vimos de preto o mundo que rodea á apicultura, podendo
recoñecer cada unha das abellas que forman un panal e o traballo que estes
pequenos insectos realizan, todo coa axuda do persoal de "O Enredo do Abelleiro", que ao igual que todos os poñentes, tiveron moita
paciencia para contestar a todas as dúbidas que nos xurdiron ao longo destas
xornadas.
Creo que en todas e cada unha das xornadas aprendemos
algo novo, tanto dos expertos coma do resto dos participantes que acudimos,
compartimos diferentes experiencias persoais e aprendemos pequenas e grandes
cousas que nos poden ser útiles a calquera de nós. Pero antes de rematar o
curso aínda nos quedaba algo máis por descubrir.
A última actividade que nos esperaba era visitar en
Portugal "Ervas finas". Estou segura que moitos de nós oiramos
falar de usar as flores, follas e sementes dalgunhas especies pero aquí iamos
probar a comida que se pode facer con elas. Despois de ensinarnos a zona na que
están as plantas coas que eles elaboran a comida e poder ver algunhas
descoñecidas e outras que coñecemos todos, como comiño, papoulas ou pensamentos
(que para moitos de nós se pasarán a chamar “amores perfectos”), déronnos a
probar varios pans, ensalada e sobremesas entre outras cousas. Creo que foi
unha experiencia nova e moi curiosa. Descubrimos sabores moi sorprendentes e
vimos como con imaxinación e algo de loucura se pode converter algo tan sinxelo
como estas plantas en algo moi apetecible e innovador.
Persoalmente creo que o labor que se realiza con estes
cursos é moi importante, se dan novas ideas, se coñece xente e se dinamiza a
área rural e en concreto con este curso, creo que se nos ensina a respectar e
protexer os nosos montes xa que aprendemos a sacarlles partido de xeitos
diferentes e máis respectuosos aos que estamos afeitos. Se aprendemos a obter directamente
dos nosos montes produtos coma estes, aprenderemos tamén o valor que estes
teñen e a riqueza que supoñen para todos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario