NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




15 jul 2015

Seguimos coa visita: Arzúa, Boimorto, Touro e O Pino


Continuamos coñecendo os atractivos do territorio do Ulla Tambre Mandeo e, desta volta, dámoslle o protagonismo ós concellos que compoñen a comarca de Arzúa.
Iniciamos o día no núcleo urbano da cabeceira comarcal visitando a Capela da Madanela, igrexa dun antigo mosteiro de agustinos do que non se conserva nada; na mesma dirección,  continuamos camiño cara o embalse de Portodemouros onde coñeceremos de preto o mundo das abellas e da produción apícola no Museo Vivente do Mel coas súas visitas guiadas ou os seus talleres (cera, mel, etc.). Á volta, cunha pequena parada na aldea de Hortas, descubrimos un fermoso lugar en plena natureza como é a Fervenza das Hortas, tamén chamada Fervenza de Santa Marta.

De camiño cara Boimorto, o segundo concello en recibirnos na rolda de hoxe, son dúas as visitas que merecen a pena, por unha banda o fermoso Pazo de Santa María e, pola outra, o Museo Etnográfico da Paínza; onde podemos familiarizarnos cun pasado non tan afastado da Galicia rural e dos oficios que nela se desenvolvían.
 
Xa en Boimorto, a primeira parada obrigada é a igrexa románica de Sendelle do século XII, co seu ábside semicircular, onde se poden ver pinturas murais so século XVI con distintas escenas da liturxia relixiosa. Ademais, podemos coñecer máis a fondo este concello bañado polo río Tambre recorrendo algunha das rutas coas que contan, sendo unha delas a que transcorre pola antiga vía romana, na que se achou o miliario romano que se atopa diante do edificio do Concello.
 
Unha boa data para coñecer o concello de Boimorto é, sen dúbida, o segundo fin de semana de setembro, coincidindo co Festival da Luz que se celebra en Andabao, onde se dan cita músicos nacionais e internacionais con fins solidarios e se exalta a vida rural e a natureza.
 
 


Neste momento do itinerario, restan por visitar os concellos da comarca de Arzúa máis achegados a Santiago. En Touro, unha das primeiras opcións para os amantes da natureza é percorrer as dúas estupendas rutas homologadas coas que contan. A “dos tres ríos” e a da “ribeira do Ulla”, onde nos podemos coñecer a vexetación de ribeira, os estupendos bosques de sobreiras, as ouriceiras que atopamos ó pe da ruta para almacenar e recoller castañas e os lugares máis escondidos e máxicos de ambos itinerarios como poden ser o Salto das Pombas, a Fervenza do Inferniño ou xa, no final da ruta de ribeira, o Pozo do Pego; o cal é ideal para unha merenda relaxada  lonxe do estres cotián.
 
Tamén en Touro, dentro de pouco, poderemos completar a xornada cunha visita ó Centro de Interpretación do Río Ulla, que se poñerá en marcha proximamente e contará cunha axuda do Programa Leader do GDR.
E rematamos no concello de O Pino, onde se nos quedan forzas, son tamén recomendables as rutas coas que conta o Concello, as cales se puxeron en marcha cunha axuda Leader no ano 2011, xa que nelas atopamos unha magnífica mostra do principal patrimonio municipal. Trátase dun itinerario cultural, unha senda fluvial e outra panorámica onde podemos coñecer, entre outros elementos patrimoniais, a ponte romana de Ponte Puñide e a igrexa de San Xulián de Lardeiros ou “catedral da montaña”; ver unha excepcional paisaxe desde o mirador do Picón (punto xeodésico) ou pasar unha fermosa xornada na área recreativa da Capela da Magdalena, á que acompañan a fonte, a carballeira e a lagoa para formar un idílico conxunto etnográfico e natural.
 
Moi recomendable o día 22 de xullo, día da patrona, cando se celebra unha multitudinaria romaría campestre no lugar.

7 jul 2015

Comezamos a nosa visita.. Curtis, Sobrado e Vilasantar

Comezamos o noso itinerario particular coñecendo un pouco máis de preto os concellos de Curtis, Sobrado e Vilasantar.
 
Os tres formaron en tempos o chamado condado de Présaras pero a súa íntima relación comeza coa instauración na Ciadella, entre Sobrado e Vilasantar, do campamento romano do mesmo nome, onde se aloxou a Cohors I Celtiberorum; Cohorte Romana no século II. Coa súa chegada, comeza a estruturarse definitivamente este territorio.
 
Este sería, desde logo, un dos primeiros puntos a visitar se nos achegamos a Sobrado dos Monxes, posto que é o campamento romano de maior extensión achado na Península, con aproximadamente dúas hectáreas e unha estrutura típica dun campamento para unha cohorte "equitata", isto é, con cabalería. Distínguense á perfección, grazas ás excavacións dos 80 e 90, o principia (edificio administrativo e relixioso) o praetorium (vivenda do alto mando) e as hórrea (almacéns de gran).
 
Para completar o día de turismo, achegarémonos ó núcleo urbano de Sobrado, para coñecer o incrible Mosteiro de Santa María de Sobrado, visita obrigada tanto pola súa fermosura como polo seu valor arquitectónico. Foi fundado precisamente polo Conde de Présaras Hermenegildo no ano 952 que alí se retirou e morreu, cedendo o condado ó mosteiro e, actualmente, da man dos monxes cistercienses funciona a hospedería na que podemos quedarnos a durmir.
Outro dos enclaves imprescindibles, tamén relacionado co mosteiro, é a lagoa de Sobrado, a escasos mil metros, de orixe artificial creada polos propios monxes para servizo de rega e piscifactoría. Sorpréndenos cun espectáculo incrible no solpor pola fauna existente.
 
Continuamos a nosa visita achegándonos, a continuación, ó concello de Vilasantar; onde comezaremos por coñecer dous dos lugares máis destacados da parroquia de Mezonzo.
 
O primeiro deles é a Igrexa de Santa María de Mezonzo, xoia románica que se localiza no lugar do Priorato, o cal xa nos da unha pista da existencia dun mosteiro no pasado. Nel profesou e chegou a abade San Pedro de Mezonzo, antes de marchar cara o mosteiro de Sobrado primeiro e de converterse en Bispo de Santiago posteriormente. A él lle debemos a Salve e a defensa de Santiago durante o ataque de Almanzor.
 
A escasa distancia da igrexa de Santa María, atopámonos cun elemento etnográfico completamente recuperado, o Batán de Mezonzo, na aldea do mesmo nome. O encargado de ensinarnos o seu funcionamento e de poñelo a andar (se a corrente do día da visita o permite) é o seu dono, Pepe, o cal co seu relato e anécdotas nos transporta a un pasado non tan lonxano no que as familias da contorna utilizaban os muíños, os batáns e os mazadoiros de liño para a súa vida cotiá.
 
Rematamos a nosa visita no concello de Curtis, que ó igual que os dous anteriores, conta cun gran patrimonio arqueolóxico composto de mámoas e castros, o que nos fala da longa historia deste territorio.
 
Do mesmo xeito, conta con fermoas igrexas de orixe románica e prerrománica, posteriormente rehabilitadas como poden ser a Igrexa dos Remedios, acompañada do seu carballo centenario, a igrexa de Santaia, parroquia de nacemento de San Pedro de Mezonzo ou a igrexa de San Roque de Xabriño, na parroquia de Fisteus; cun fermoso conxunto etnográfico composto por igrexa, fonte e carballeira.
 

 
Ademais, ó paso por Curtis, recomendamos visitar o Centro Etnográfico do Mandeo, no núcleo urbano de Teixeiro, o cal nos axudará a comprender moito mellor a historia e patrimonio da zona, ó tempo que disfrutamos a súa orixinal arquitectura e do paseo de ribeira do seu exterior. Por outra banda, para rematar, podemos dar un relaxante paseo polo río Mandeo ó seu paso polo concello pasando pola Ponte Marzá, recentemente rehabilitada.
 
 
 
 

A Repostería Tradicional de Melide, a mel, o Galo Piñeiro e os produtos de horta: produción local de calidade no UTM

O GDR Ulla Tambre Mandeo aposta pola calidade da súa produción agroalimentaria local. Son moitos os exemplos das estupendas características dos nosos productos e do bo facer dos persoas elaboradoras da zona, as cales ofrecen á poboación auténticos manxares gastronómicos.
Entre outros, podemos citar como exemplos, os seguintes:

REPOSTERÍA TRADICIONAL DE MELIDE

Compóñena o conxunto de doces artesanos de melindres, ricos e amendoados; elaborados con agarimo por numerosos obradores da vila melidá, con produtos naturais de primeira calidade e coa receita tradicional de antigo.

Aínda así, na Festa do Melindre de Melide, dedicada á exaltación destes doces e que se celebra o segundo fin de semana de maio dáse cita o carácter tradicional da repostería coas novidades culinarias, por exemplo, co melindre sen glute.

MEL DE GALICIA

O territorio do Ulla Tambre Mandeo conta cunha gran tradición apícola, con numerosos elaboradores de mel de distintas variedades, coa presenza da Cooperativa Erica Mel no Centro de Divulgación do Mel e do Queixo en Arzúa e coa implantación fai xa vinte anos do Museo Vivente do Mel no embalse de Portodemouros, buque insignia do Enredo do Abelleiro. De feito, son dúas das seis empresas envasadoras da Denominación de Orixe Protexida "Mel de Galicia" existentes na provincia de A Coruña.

GALO PIÑEIRO

O territorio do Ulla Tambre Mandeo, e, en especial, o concello de O Pino ten a súa propia raza específica de galo de curral. O Galo Piñeiro, o cal conta en O Pino cunha Festa de Exaltación propia que se celebra o primeiro fin de semana de agosto e é de Interese Turístico de Galicia.

A práctica totalidade dos exemplares desta raza foi recuperada na zona de Arzúa, pois estaba en risco de desaparecer.  Os seus rasgos característicos son o fermoso plumaxe, a súa conformación mediana, a cresta en rosa e piramidal, as orellas ovaladas, as patas e pico de cor amarelo e os ollos amarelo anaranxados.

PRODUCIÓN HORTÍCOLA

Para rematar este repaso á produción de calidade do territorio, non podemos esquecer os produtos de horta do mesmo, caracterizados pola súa frescura e sabor. Principalmente, no concello de Santiso localízanse gran cantidade de hectáreas que, da man das persoas horticultoras, producen as verduras e froitas máis saudables e saborosas.