NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




29 may 2013

Begoña Parada (Arzúa) e Vanesa Gómez (Touro) falan da súa experiencia como alumnas


Durante os últimos tres meses realizouse por parte do GDR Ulla Tambre Mandeo un curso sobre os usos alternativos do monte no que puidemos participar moitas persoas da zona que este GDR abrangue. Nas diferentes xornadas contamos ca participación de expertos e profesionais en plantas aromáticas e medicinais, pequenos froitos do bosque e apicultura.

Dende o principio, os asistentes demostramos moitas ganas de aprender e todos os poñentes demostraron ter, se cabe, mais ganas de ensinar, responderon ás numerosas preguntas que lles formulamos,  achegaron datos e curiosidades dende a súa experiencia. Sempre é interesante poder contactar con profesionais de sectores como este, son eles os que mellor nos poden orientar a todos: aos que queren obter produtos para o consumo propio, aqueles que ven neste sector una saída profesional ou aos que teñen simple curiosidade persoal.

O formato no que o curso estivo organizado, mesturando as nocións teóricas transmitidas por expertos, coa práctica sobre o terreo, fixo que se nos fixese máis ameno e entretido a todos. Así, cada un dos días, ensináronsenos cousas novas: con Ruth vimos novas plantas aromáticas e medicinais que non coñeciamos e propiedades doutras que ignorabamos; aos coidados deses pequenos pero moi saborosos froitos do bosque, pasando polo traballo e dedicación que necesita o mundo da apicultura. Agronovo transmitiunos a importancia dos produtos ecolóxicos, a dedicación e o traballo que supón dedicarse a este sector, sendo por iso ademais dunha profesión, unha devoción.

Na práctica aprendemos a recoñecer diversas plantas aromáticas no campo, plantando sementes dalgunhas delas, realizando podas e aprendendo a recoller e conservar froitos do bosque grazas a Fungocerga, e vimos de preto o mundo que rodea á apicultura, podendo recoñecer cada unha das abellas que forman un panal e o traballo que estes pequenos insectos realizan, todo coa axuda do persoal de "O Enredo do Abelleiro", que ao igual que todos os poñentes, tiveron moita paciencia para contestar a todas as dúbidas que nos xurdiron ao longo destas xornadas.

Creo que en todas e cada unha das xornadas aprendemos algo novo, tanto dos expertos coma do resto dos participantes que acudimos, compartimos diferentes experiencias persoais e aprendemos pequenas e grandes cousas que nos poden ser útiles a calquera de nós. Pero antes de rematar o curso aínda nos quedaba algo máis por descubrir.

A última actividade que nos esperaba era visitar en Portugal "Ervas finas". Estou segura que moitos de nós oiramos falar de usar as flores, follas e sementes dalgunhas especies pero aquí iamos probar a comida que se pode facer con elas. Despois de ensinarnos a zona na que están as plantas coas que eles elaboran a comida e poder ver algunhas descoñecidas e outras que coñecemos todos, como comiño, papoulas ou pensamentos (que para moitos de nós se pasarán a chamar “amores perfectos”), déronnos a probar varios pans, ensalada e sobremesas entre outras cousas. Creo que foi unha experiencia nova e moi curiosa. Descubrimos sabores moi sorprendentes e vimos como con imaxinación e algo de loucura se pode converter algo tan sinxelo como estas plantas en algo moi apetecible e innovador.

Persoalmente creo que o labor que se realiza con estes cursos é moi importante, se dan novas ideas, se coñece xente e se dinamiza a área rural e en concreto con este curso, creo que se nos ensina a respectar e protexer os nosos montes xa que aprendemos a sacarlles partido de xeitos diferentes e máis respectuosos aos que estamos afeitos. Se aprendemos a obter directamente dos nosos montes produtos coma estes, aprenderemos tamén o valor que estes teñen e a riqueza que supoñen para todos.

22 may 2013

Visita a Ervas Finas


O curso de Usos Alternativos do Monte remata esta semana coa visita á empresa Ervas Finas, de plantas aromáticas e medicinais, destinadas, entre outros usos, á alta cociña. Por este motivo a oficnia do GDR permanecerá pechada o venres. Desculpade as molestias.

Sitio web Ervas Finas de Tras-os-Montes

Agradecémoslle ó GDR Monteval e a súa xerenta Cristina a axuda prestada na organización desta iniciativa!!

21 may 2013

Natividad González, xerenta do GDR Costa Noroeste, no Espazo Leader

Como ben sabedes, en Galicia existen trinta e un grupos de desenvolvemento rural xestionando na actualidade o Programa Leader 2007-2013. Cada un deles conta cunha estratexia individualizada e local, adaptada ó territorio que constitúe o seu ámbito xeográfico.

Unha das características do enfoque Leader polo que se rexen este tipo de axudas europeas é a de fomentar o traballo en rede entre os distintos grupos co fin de conseguir sinerxias e beneficios a partir do intercambio de coñecementos e experiencias.

Para profundar neste intercambio e para que a poboación do territorio do GDR Ulla Tambre Mandeo coñeza as experiencias de outros grupos, no Espazo Leader da semana pasada contamos coa intervención de Natividad González, xerenta de Costa Noroeste, que nos contou como se xestiona o Programa  neste GDR.

Moitas grazas Natividad!





7 may 2013

Dramáticos datos do desemprego no UTM

  Total Incremento do paro 
Galicia    
2008
162.512
2012
270.515
66%
Arzúa    
2008
286
2012
471
65%
Boimorto    
2008
91
2012
151
66%
Pino, O  
2008
211
2012
418
98%
Touro  
2008
186
2012
323
74%
Curtis  
2008
157
2012
298
90%
Vilasantar  
2008
52
2012
68
31%
Melide  
2008
430
2012
715
66%
Santiso  
2008
80
2012
137
71%
Sobrado  
2008
63
2012
119
89%
Toques  
2008
67
2012
120
79%

6 may 2013

Remata o Curso de Usos Alternativos do Monte coa xornada sobre apicultura


O sábado 4 de maio o GDR Ulla Tambre Mandeo celebrou  o último bloque temático do curso de Usos Alternativos do Monte, dedicado á apicultura.
A xornada comezou pola mañá coa formación exclusivamente teórica, onde o alumnado se familiarizou coa técnica de cría das abellas, co funcionamento das colmeas e ca produción de mel, en especial, aquela con certificación ecolóxica.

Xa na tarde, os asistentes desprazáronse ó Museo Vivente do Mel onde realizaron prácticas de apicultura como, por exemplo, preparar os cadros dos panais, colocar a cera das colmeas; realizar as tarefas de coidado das abellas, etc. As horas lectivas foron impartidas por persoal do Enredo do Abelleiro, profundos coñecedores do mundo apícola que lograron implicar ó alumnado en todas as tarefas de maneira entretida e pedagóxica.
Con esta xornada remata o Curso de Usos Alternativos do Monte organizado polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo, o cal espertou gran interese na poboación do territorio, esgotando as prazas de asistencia en menos dunha semana. A última acción que se contempla para o alumnado é a realización dunha visita formativa a finais de maio á empresa Ervas Finas, en Portugal, dedicada á produción de herbas aromáticas e medicinais sobre todo para alta cociña.