NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL GDR UTM É UNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO FORMADA POR ASOCIACIÓNS, CONCELLOS, SATs, COOPERATIVAS E OUTRAS ENTIDADES DOS CONCELLOS DE MELIDE, SANTISO, TOQUES, SOBRADO, ARZÚA, TOURO, O PINO, BOIMORTO E VILASANTAR. TEMOS AS PORTAS ABERTAS. SOLICITA A ENTRADA.

NO RURAL DECIDES TI, PARTICIPA!


Visita turística ó territorio (Galego)




16 ene 2012

HOXE PASEAMOS POR ……
VILASANTAR
Bos días o luns pola mañá! Hoxe, aínda que estamos a -1.5 ºC seguiremos comezando a xornada cun pequeño itinerario polas paraxes naturais de Vilasantar, quen dixo medo? Comezamos desprazándonos a  un bo exemplo do patrimonio etnográfico galego, o batán de Mezonzo. Alí atoparémonos con Pepe que leva anos coidándoo con esmero pois foi a súa familia a encargada do funcionamento do batán mentres estivo en uso. Non perdades a oportunidade de intercambiar unhas palabriñas con él, pois non todos os mestres están nas escolas… Ademais de ofrecer unhas belas imaxes do río nun dos seus pasos máis bravos e de ver en funcionamento o batán, máis adiante poderedes atopar un muíño perfectamente restaurado. E, se seguides a pequena ruta que empeza no lugar, descubriredes os restos do que se pensa que foi un mazadoiro de liño e unha pequena fervenza.
Despois do exercicio toca repoñer forzas, para facelo en condicións desprazarémonos a Ru, lugar onde se sitúan as dependencias municipais. Precisamente a esa altura atoparedes a casa O Castiñeiro onde nos poderemos sentar a gozar dunha excelente comida e un mellor café, sobre todo, polas galletas caseira coas que o acompañan, unha delicia!
A continuación, e antes de que a chegada da noite o impida, visitaremos a Igrexa parroquial de Santa María de Mezonzo, no lugar do Priorato. Aínda que é de estilo románico a súa orixe parece ser prerrománica a xulgar por algúns elementos arquitectónicos que posúe. É o único que queda do mosteiro que alí se erixía e que foi independente ata a construción do Mosteiro de Sobrado no século X, data na que pasou a depender do mesmo. Alí profesou o famoso abade e, máis tarde bispo, San Pedro de Mezonzo.
Para pasar unha noite agradable en Vilasantar non nos iremos moi lonxe da Igrexa, posto que nos quedaremos na Casa Rural Muíño de Vasques onde repousaremos despois deste fermoso día…
Se queredes saber máis…


13 ene 2012

HOXE PASEAMOS POR ……
TOURO
Saudiños paseadores! Nesta xornada, antes de saír da casa, recoméndovos facer e levar un pequeno petisco para o xantar porque nos espera unha fermosa xornada no concello de Touro.
Hoxe recorreremos unha das rutas de sendeirismo máis fermosas do municipio, a da Ribeira do Ulla, levarános desde a Ponte Basebe ata o Pozo do Pego, comecemos!
Trátase dun traxecto lineal de dificultade media duns 13 kilómetros de lonxitude polo que, andando a bo paso, poderíamos efectuala durante a mañá. Sen embargo, as paraxes polas que imos pasar ben merecen un paseo tranquilo para gozar de tódolos atractivos que nos ofrecen…
O itinerario da ruta discorre pola beira do río polo que poderemos gozar da auténtica vexetación de ribeira incluído o fento real, tamén atoparedes grupos de sobreiras na parte alta que forman un belo contraste coas demais especies arbóreas (castiñeiros, carballos, bidueiros, etc.). Tamén descubriremos a fervenza do Inferniño, un lugar ideal para facer unha paradiña e coller folgos.
Reanudamos a marcha e continuamos o noso paseo por fermosas fragas, alí atoparedes restos das ouriceiras que as xentes empregaban para secar as castañas, parádevos un momento porque non hai outras iguais no resto de Galicia. No remate da ruta pararemos a facer o noso xantar campestre, no Pozo do Pego, un espectacular remanso do río Ulla rodeado de espesas masas arbóreas autóctonas…incrible!
Pola tarde dirixirémonos ó Pazo de Andeade, o máis coñecido da zona, foi fundado a comezos do século XVIII e conta cunha fermosa ermida de estilo barroco galego. Conta con tódolos elementos do pazo que xa coñecedes: escudo, capela, pombal, etc. Tamén atoparedes amplos xardíns, unha carballeira e unha impresionante entrada con filas de plataneiros coas pólas entrelazadas. Actualmente, é un establecemento turístico con aloxamento e restaurante polo que vos recomendo pasar alí a noite e amencer un día máis en Touro, tedes máis descubrimentos que facer…
Se queredes saber máis…


12 ene 2012

HOXE PASEAMOS POR ……
TOQUES
Bo día de novo! En vista que o tempo nos acompaña esta semana, hoxe propoñémosvos pasar unha xornada inmersos na nosa historia máis antiga paseando polo concello de Toques.
Se algo destaca neste municipio perdido no medio dos vales da Serra do Careón é a beleza das súas paisaxes naturais case virxes e o gran patrimonio histórico co que conta, sobre todo, restos e mostras da etapa paleolítica e megalítica.
Comezamos visitando O Forno do Mouros, na serra do Bocelo, case no límite do concello de Toques co de Sobrado. Este dolmen é un dos máis fermosos e mellor conservados de Galicia, data do terceiro milenio antes de Cristo e conta cun corredor de entrada. No seu interior descubríronse mostras de cerámica e distintos restos pictóricos que foron soterrados durante a rehabilitación que tivo lugar en 2009 co fin de evitar o seu deterioro. Polo Forno dos Mouros discorre unha ruta de sendeirismo chamada “Ruta dos Megalitos” que, como o seu nome indica, nos leva a coñecer varias das numerosas mámoas catalogadas no municipio. Apuntádeo na vosa axenda para futuras excursións, vale a pena.
Antes de que acabe a mañá irémonos achegando a Souto, onde se atopan as instalacións municipais, e faremos unha pequena parada para visitar a Fervenza das Brañas, un espectacular salto de auga do río Furelos ó seu paso por esta parroquia.
Para xantar dirixirémonos ó restaurante Xan Xaneiro, no lugar de Bragaña, onde poderemos comer unha estupenda…mariscada!! Pois sí, aínda que resulte raro se nos perdemos neste concello do interior de Galicia atopamos un restaurante especializado nos produtos do mar a un prezo moi asequible, que aproveite!
Para a tarde reservamos a visita ó castro da Graña, establécese a súa construción a finais da Idade do Bronce e estímase que foi habitado dende finais do século IX a. C. ata o século II ou III d. C. co que se poden ver construcións circulares (preromámicas) e rectangulares (influencia románica). Tratádeo con respeto pois, dende alí, moitos anos de historia vos contemplan…

Se queredes saber máis:

11 ene 2012

Un dos nosos retos: 1.889

Como grupo de desenvolvemento rural un dos nosos retos é atopar e traballar un modelo de desenvolvemento que garanta unha vida digna e recursos suficientes para todos os que habitamos neste territorio.

    Paro rexistrado
MUNICIPIOS Población  
MELIDE              7.824              634
ARZUA              6.328              451
PINO, O              4.743              367
TOURO              4.214              284
CURTIS              4.082              238
BOIMORTO              2.211              151
SOBRADO.              2.087              110
SANTISO              1.883              122
VILASANTAR              1.380                58
TOQUES              1.343              108
TOTAL            36.095 1.889
HOXE PASEAMOS POR ……
SOBRADO
Bo día! Hoxe coñeceremos o concello de Sobrado dos Monxes, este municipio conta cun gran legado patrimonial en todos os ámbitos, polo que se converte nunha boa opción para case todos aquelas persoas que queiran visitalo.
Como non podía ser doutra maneira comezamos o día cun bo paseo en plena natureza, na saída da vila en dirección As Cruces atoparedes a entrada do “Camiño vello”, esta ruta atravesa a Carballeira da Casa do Gado, nela poderás perderte entre árbores e carballos centenarios e, se chegáramos uns meses antes quizais aforrar un xantar pois en outono a carballeira convértese nun festival de cogumelos. A fraga sitúase no entorno do Pazo do Gado, de estilo barroco; a familia máis antiga que o ocupou foron os Castro, fidalgos desde o ano 1513 no que obtiveron esta condición en Valladolid. Se lle adicas un pouco de tempo incluso chegarás a casa dos que foron no seu día os seus caseiros, vendo o seu tamaño é fácil decatarse do poderío da familia…
Despois de atravesar a Carballeira chegaremos á Lagoa de Sobrado, de orixe artificial, construírona os monxes do mosteiro a principios do século XVI embalsando pequenos ríos. Actualmentes conta cunhas 10 Has. de superficie e nas súas augas está catalogada unha alga que non se atopa en ningún outro lago da Península. Alí colleremos folgos despois da andaina…
…ata o momento no que sintamos protestar o estómago pola fame! Para solucionalo dirixirémonos ó restaurante As Casiñas no núcleo urbano de Sobrado. Alí gozaremos dun estupendo xantar, a súa especialidade son as troitas, e dun bo lume na súa lareira, xusto o que precisabamos!
A tarde dedícaremola a visitar o Mosteiro de Santa María de Sobrado, unha delicia para os amantes da beleza, presente en todo o complexo: a igrexa, o claustro, a hospedería, etc. O mosteiro ten as súas orixes no século X baixo a advocación de San Salvador, foi fundada polo último Conde de Présaras, Hermenegildo. A principios do século XII comeza a súa historia como mosteiro cisterciense, ó longo do tempo sufriu distintas fases de esplendor e abandono ata o ano 1954 no que se reconstruíu chegando unha comunidade de monxes cistercienses doce anos despois.
Actualmente os monxes ofrecen un servizo de hospedería e de albergue que moitos visitantes utilizan para pasar uns días de agradable relax e tranquilidade, por iso, hoxe propoñémosvos pasar a noite alí para ter uns doces e tranquilos soños…
Se queredes saber máis:

10 ene 2012

HOXE PASEAMOS POR ……
SANTISO
Bos días! Hoxe lucirá un fermoso sol invernal e non hai mellor compañía ca esta para pasar unha memorable xornada coñecendo un pouco do municipio de Santiso e do seu patrimonio. Comezaremos por coñecer un dos seus principais atractivos: o embalse de Portodemouros. Neste lugar, o río Ulla actúa de límite natural entre os concellos de Santiso, Arzúa, A Golada e Vila de Cruces.
Como o día será moi longo e non queremos cansarnos antes de tempo propoñémosvos subir ó ferry do embalse. O ferry comezou a súa andaina como resposta ás protestas dos veciños de Vila de Cruces e Santiso despois de que as pontes que comunicaban os seus concellos quedaran asulagadas polas augas do embalse e despois de que se produxera un tráxico suceso no mesmo… Se queredes saber máis, preguntade ás xentes do lugar.
Despois deste tranquilo navegar, desprazarémonos ata Vilar de Ferreiros onde o Pazo do lugar ben merece unha visita. A súa orixe remóntase ó século XV a partir dunha torre da homenaxe destinada á defensa ata consolidar a estrutura actual. Conta cunha pequena capela e cun entorno inigualable. Actualmente a empresa de hostalería Ruta Jacobea dedícao á celebración de todo tipo de banquetes, seguro que vos quedades cunha tarxeta de cara ó futuro…
E falando de banquetes, parece que a esta hora xa se abre o apetito polo que nos diriximos Ós Muíños Enmeigados, en Barazón, onde ademais de degustar unha estupenda comida tradicional a base de racións poderemos gozar da paisaxe na que se localiza.
Despois dun bo xantar e unha longa sobremesa, a tarde faise pequena polo que nos iremos achegando ó lugar escollido para pasar unha noite memorable, a casa de turismo rural Souto de Abajo. Antes podemos achegarnos á Área Recreativa do Liño, un goce para todos e sobre todo para os máis pequenos.
Na casa, Manuel e Matilde daránvos unha magnífica acollida e gozaredes como nunca da hospitalidade das nosas terras e do sabor dunha boa queimada, palabra de meiga!!
Se queredes saber máis,
http://www.concellodesantiso.org/
http://www.santisoturismo.es/
http://es-es.facebook.com/people/Os-Mui%C3%B1os-Enmeigados/100001584831729
http://www.casasoutodeabajo.com/

9 ene 2012

HOXE PASEAMOS POR ……
O PINO
Na xornada de hoxe pasearemos polo municipio de O Pino, este concello é de sobra coñecido posto que acolle a última etapa do Camiño Francés. Por este mesmo motivo, se nos acompañases, ímosvos propoñer pasar unha xornada polas súas paraxes menos coñecidas pero igualmente fermosas.
Comezamos pola mañá ben cedo visitando a Igrexa de San Xulián de Lardeiros, esta igrexa tamén se coñece polo nome da “Catedral da Montaña”. É de estilo barroco, conta cunha planta de cruz latina e nave de bóveda de canón, no seu interior podemos ver un templete en relevo da Virxe e do Neno así como os escudos nobiliarios da familia fundadora do patronato. No exterior atoparedes unha impresionante oliveira rodeada de pequenos bancos de pedra onde poder descansar, parolar coas xentes do lugar e admirar a paisaxe…

Sen alonxarnos moito dirixirémonos ó Pazo de Medín, unha das múltiples obras da arquitectura civil de O Pino que merecen unha visita. O pazo, de construción sinxela e de estilo barroco, presenta un escudo do século XVIII onde se poden observar o brazo armado de Vilardefrancos, a árbore e as estacas dos Leis, o lobo dos Moscoso e a torre de Pardiñas ou Riobó. Tamén poderedes ver un hórreo de grandes dimensións e os imprescindibles pombal e capela; xa sabedes o que din: “Casa Grande, capilla, palomar y ciprés; pazo es”.

Para xantar achegarémonos á casa de turismo rural “O Muíño de Pena”. Alí, ademais de degustar uns estupendos pratos (non vos perdades de sobremesa o “Pan Vello”, unha delicia que todos deberiades probar), podemos ver o pequeno museo etnográfico do interior pois toda a maquinaria do muíño está restaurada.
Para a tarde reservámonos unha pequena delicia, un paseo xeitoso pola ribeira do río Mera. Na  actualidade existe unha ruta deseñada que pasa por este lugar: iníciase na Ponte Puñide, antiga ponte romana, e remata na praia fluvial de A Tarroeira, onde o río Mera se une co Tambre. Actualmente, en todo o traxecto podedes atopar paneis explicativos das especies vexetais da ribeira. Con este paseo vaise facendo de noite… deberiamos ir marchando pero O Muíño de Pena tamén conta con aloxamento para viaxeiros… ¿Por qué non adiar a marcha para mañá? O descanso é o descanso…
Se queredes saber máis…

5 ene 2012

HOXE PASEAMOS POR ……
MELIDE
Hoxe, para variar, propoñémonos facer un paseo máis urbano…
E para levalo a cabo desprazámonos ata Melide, cabeceira da comarca que leva o seu nome. Para comezar con tranquilidade pasearemos ata a Praza do Convento situada no centro da vila, alí atoparemos a Obra Pía de Santo Antón, do século XVII, formada pola Capela de S. Antón e a Casa do Concello que ocupa un antigo pazo da mesma época. Se xa vos soa, tranquilos, non estades tendo un déjà vu, alí grávase desde hai anos a serie da TVG “Libro de familia”.


Na mesma praza atopamos o Museo da Terra de Melide pero antes… é tempo dun petisco, non marchedes de Melide sen probar os seus doces máis famosos: os ricos e os melindres, atoparédelos en calquera panadería ou pastelería da vila, merece a pena!
Agora sí podemos dirixirnos ó Museo onde poderemos ver unha mostra de arqueoloxía castrexa e unha mostra de patrimonio etnográfico. A historia do museo comeza coa idea dun grupo de amigos da vila que prosperou cada vez máis co paso do tempo, un orgullo para os melidenses.
Como xa se achega a hora de comer desprazarémonos ata a Avenida de Lugo onde xantaremos un bo polbo na de Ezequiel, seguro que xa oírades falar del..
Para rematar a tarde podemos visitar do outro lado da rúa a Capela de San Roque, froito da demolición de dúas igrexas anteriores tal e como podedes ler na inscrición da súa fachada. Ó seu carón, veredes o Cruceiro de San Roque, do século XIV e que Castelao consideraba, posiblemente, o máis antigo de Galicia.
Nesta xornada non imos rematar nun establecemento de turismo rural, senón no Hotel Carlos 96. A razón: estar ben cerquiña da famosa Noite Melidense ata a que se desprazan mozos e mozas de todo o territorio da redonda, non vos defraudará..
Se queredes saber máis…